A LITERATURA BUSCA A LUZ.......

Primeiras palabras de An Alfaya para súa biblioteca




A LITERATURA BUSCA A LUZ...


A literatura é unha chamada de auxilio de quen escribe dende a soidade e busca na distancia unha ollada expectante.Tamén é un alimento ou unha bebida que nos sacia cando temos un buraco que non se tapa con alimentos nin con auga, tecida cos fíos do desexo, das angustias, das frustracións, das inquedanzas, das vivenzas reais ou imaxinarias, e ás veces, as menos, coas alegrías dos que, afeitos a soñar, non nos atrevemos a vivir. Quen escribe vive as vidas doutros, sonámbulo, egocéntrico e autista, na escuridade, buscando constantemente a luz.

A luz vén da man do lector. El é quen completa o círculo, quen salva ao autor; só así a escrita colle sentido pleno. A escritura sen eco é como un navío ao garete perdido entre as ondas dun mar que todo o engule, ata devorarnos, fagocitando a propia creación.

Mais a literatura tamén acompaña, activa as nosas emocións, artella os nosos pensamentos, satisface os nosos desexos... Se non é así, se o poema non nos arrastra, se a novela non nos atrapa, se non entramos nas canles da dramaturxia, se non se produce a simbiose entre o escrito e o lido; non hai milagre posible, nin maxia, só tedio e desencanto.

A literatura é un vieiro estreito que conduce á liberdade, que recrea mundos interiores tan inmensos que nos conducen á falsa ilusión de seres transportados a universos paralelos, inimaxinables no eido do real, perversións inauditas ou paraísos de beleza inusitados. Se as súas gadoupas nos atrapan estamos perdidos no medio da nada crendo que o temos todo, e témolo, porque a suxestión que nos ofrece a ficción pode chegar a ser poderosa.

Cando un libro se nos mete na cabeza e no corazón, creándonos unha ansiedade que só combatemos cando nos mergullamos nel, sabemos que temos entre as mans un tesouro que nos comprace e redime, que nos fai felices por un intre, e conseguimos atopar esa luz.



AN ALFAYA




No hay comentarios:

Se algunha das fotografías, debuxos... que aparecen neste blog están suxeitas a dereitos de autor, póñanse en contacto con nós e serán retirados.