jueves, 30 de junio de 2011

Felices vacacións


Bo verán e boas lecturas

martes, 28 de junio de 2011

SUPERHEROE?

No  xornal.com vin este artículo de Roberto Noguerol que merece a pena ler enteiro.http://www.xornal.com/opinions/2011/06/26/Opinion/escolas-patas-arriba/2011062622283500566.html
"Non ten por que pintar flores de cores nos cristais cando comeza o curso, pero encántalle facelo. Ninguén a obriga a debuxar monifates para adornar as mesas e tampouco lle esixen decorar de imaxinación as catro paredes desvestidas en setembro. Pero non só non lle importa, adora esa tarefa.
Na casa, quítalle tempo ao seu lecer persoal mentres recorta e plastifica figuras de personaxes para usar na aula ao día seguinte. Cavila músicas e coreografía para unha non imprescindible función de Nadal cos meniños. O guión non o esixe pero, ademais de facer fichas e cumprir obxectivos dun programa, senta os cativos unha tarde calquera para relatarlles algún conto e falarlles de libros e músicas fascinantes. Ás veces compra pola súa conta material que o sistema non lle proporciona.
Inventa minutos onde non os hai para elaborar ideas coas que combater a fatiga dos pícaros e espertar o seu devezo por aprender un día si e outro tamén. E non é o seu traballo, pero non evita soar mocos, limpar cus, axudar a lavar mans, curar feridas ou enxugar bágoas. Xestiona berrinches de pequechos descontrolados que algunhas familias finxen non ter tempo para ensinar a non ser caprichudos.
Multiplicouse moitas mañás para vixiar que algún neno non quedase atrás nun curso con demasiados rapaces por aula. Peteirou algún xantar improvisado sobre a mesa da clase mentres argallaba algunha actividade novidosa. Quedou durmida de cansazo algunha tarde na propia aula despois doutra xornada extenuante espremendo as horas no desafío dun novo día de ensinanzas e aprendizaxes. Superheroe? Non. Unha mestra, como moitos mestres.
Non sempre un pai lle agradece o que fai por seu fillo. Non todos os días unha nai lle regala unha plantiña. Da man de súa neta un avó tráelle unha rosa da súa horta. Un alumno dille que hoxe, tamén, está moi guapa. Pequenos detalles impagábeis do cotiá a pé dun aula. Ás veces acontecen.
Hai anos falábase máis de dignificar o labor docente: tratalos coa deferencia que merecen. Agora recórtanlles soldo, insinúanlles que teñen demasiadas vacacións e esíxenlles xornadas máis longas. É isto froito da ignorancia ou da indiferenza? Se a autoestima dun país se mide polo grao de atención, recursos, consideración e interese que a súa sociedade ten respecto da educación, asomámonos a un preocupante precipicio de apatía. Di un proverbio africano: “Para educar un cativo cómpre a tribo enteira”. Pois aquí cómpre que a tribo esperte."

sábado, 25 de junio de 2011

Disfrutando dun conto

Por fin o último día do curso... É o mellor momento para gozar dun conto na nosa marabillosa biblioteca.

Neste día contamos cun convidado especial, o pequeno Miguel, que nos trouxo o seu Kamishibai para contarnos dous pequenos relatos da cultura chinesa: "A maxia da metamorfose" e "Por que un gato se chama gato e non Sol, ou Muro ou Rato... "

As caras dínnolo todo verdade?, os contos seguen sendo máxicos para o noso pequenos, este verán non esquezades contar e ler moitos contos.

Feliz verán!, a profe Ana e o seu pequeno Miguel.

sábado, 18 de junio de 2011

Que triste estou

Tres colaboradoras miñas déixannos, grandes profesionais e mellores persoas. Para o ano a miña cova vai botar moito de menos a Marivi, Loli e Ánxela.
Marivi: todo disposición, creación,  talento, xenio, figura.......canto che van botar de menos os teus alumnos
Loli: profesional,  resolutiva, traballadora, eficiente,......canto imos a perder no colexio
Ánxela: pasou soamente un ano polo colexio e deixou a súa impronta en todos nos

Marivi despediuse dos seus alumnos co último concerto de violín, a súa segunda gran paixón despois do ensino 





martes, 14 de junio de 2011

viernes, 3 de junio de 2011

A INSOPORTABLE LEVEDADE DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES GALEGAS

Ante a previsible retirada de formadores específicos no ámbito das bibliotecas escolares no Servizo de Formación do Profesorado, no Centro Autonómico de Formación e Innovación e nos centros de formación e recursos dependentes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o borrador da orde que convocará concurso público de méritos para cubrir postos de persoas directoras e asesoras nestes centros queremos manifestar o seguinte:


Hai proxectos que nacen marcados pola vulnerabilidade e a razón desta circunstancia non ten nada que ver coa falta de rigor ou a pouca entrega das persoas que os poñen en marcha. Máis ben ten que ver co feito de que nacen destinados a nadar contra corrente. Con todo, esa é a principal razón da súa existencia: xorden porque responden a unha necesidade non satisfeita pero compartida por un número crecente de persoas que senten que é posible compartir e facer viable o proxecto xuntos. Así naceu o movemento que cristalizou na iniciativa que todos coñecemos como PLAMBE. De xeito que dende hai algúns anos, esa iniciativa levou o mellor da creatividade e o esforzo de moitos docentes que xenerosamente regalaron o seu tempo e a súa capacidade de formar equipos e ilusionar a outros docentes en centros e centros de toda a nosa comunidade. Xuntos aprendemos a ser rigorosos e esixentes nos nosos proxectos, a crear espazos de aprendizaxe colaborativo, de cambios de estratexia, de achegamento ás novas tecnoloxías, de racionalización na xestión da información. Que ninguén se equivoque: os responsables das bibliotecas escolares non son seres evanescentes perdidos en vanas quimeras que tentan roubar horas a materias importantes para que o alumnado esmoreza entre mundos de ficción. Nada máis lonxe da realidade. Nun centro onde hai un equipo que xestiona a biblioteca de forma eficaz nótase. Os fondos adquírense con criterio, establécense acordos para xestionar a información, créanse espazos de colaboración e docencia compartida. Non é doado porque a maquinaria educativa ten unhas inercias difíciles de combater. A pesar de todo, estes docentes fórmanse e exercen a súa dura misión en horas non retribuídas, roubadas ás súas familias, ao descanso, ao lecer. Fomos coordinados con rigor e seriedade pola Asesoría de Bibliotecas Escolares pero sempre nos faltou o marco legal axeitado. A nosa misión é dura porque queda moito por definir. Na nosa inxenuidade e boa fe esperabamos conseguir progresivamente tempos e formación para seguir mellorando na nosa función se demostrabamos que eramos rigorosos e eficaces. Os nosos méritos como colectivo son dabondo coñecidos polos nosos gobernantes e acreditados por diferentes administracións e ámbitos a nivel estatal. Os numerosos e constantes premios anuais de boas prácticas concedidos polo Ministerio de Educación y Ciencia non caeron do ceo. Durante todos estes anos a formación recibida foi fundamental para levar a cabo actuacións rigorosas e enfocadas na dirección correcta.

Sabemos das cuantiosas axudas que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, destina a outros proxectos, dos incentivos para a elaboración de contidos dixitais por parte das empresas editoriais, entre outras iniciativas. Non sería tamén interesante fomentar a produción de materiais propios e promover desde cada centro a estandarización de procedementos que axuden a xestionar a información entre o noso alumnado sen confiar todo a eses materiais externos que proceden da industria editorial, por valiosos que poidan ser? Por que non seguir aproveitando a experiencia e valía dos equipos das bibliotecas escolares nestes cometidos?. O noso empeño sempre foi crear nos centros pequenos focos que tentan estender esas boas prácticas de innovación e excelencia. Non entendemos este novo e repentino xiro na política de formación desta Dirección Xeral. Non nos parece xusto posto que, podemos dicir honestamente que, pola nosa banda, cumprimos con fartura. Ao desmantelar as estruturas que nos sosteñen o deterioro será proporcional ao entusiasmo e o esforzo investidos: inmenso e imparable. Algúns lembramos como o noso Conselleiro lanzou un bico ao aire ao despedirse dos asistentes aos últimos encontros despois dunhas entusiastas palabras de eloxio polos éxitos logrados polas bibliotecas escolares galegas a nivel estatal. Onde quedou ese entusiamo? Que interpretación debemos facer? O noso país pode permitirse tirar pola borda todo este traballo? E nós?. En que situación quedaremos agora diante das nosas comunidades educativas se despois de tanta insistencia é a propria Consellería a que nos invisibiliza?.

Colectivo dos equipos das bibliotecas escolares integradas no PLAMBE (Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares Galegas)
Se algunha das fotografías, debuxos... que aparecen neste blog están suxeitas a dereitos de autor, póñanse en contacto con nós e serán retirados.